No mes de novembro deu comezo o proxecto AXIA no CEIP de Tabeaio, un centro educativo rural, pequeno e cunha contorna especialmente acolledora. Precisamente ese carácter próximo permitiu vivir a experiencia dunha forma máis intensa e coidada, tanto para o equipo dinamizador como para o propio alumnado.
En total participaron 17 nenas e nenos, unindo ao alumnado de Educación Infantil, 1º e 2º de Educación Primaria. Aínda que a proposta de AXIA está pensada especificamente para o primeiro ciclo de Primaria, non quixemos deixar fóra aos máis pequenos e pequenas. O proxecto adaptouse ao grupo completo, demostrando a flexibilidade da metodoloxía e a súa capacidade para axustarse a diferentes idades e ritmos.
A acollida por parte do profesorado foi excelente desde o primeiro momento. As docentes facilitaron tódolos recursos necesarios e acompañaron activamente a sesión, o que permitiu unha mellor xestión do grupo e un desenvolvemento máis fluído das actividades. Ademais, amosáronse especialmente ilusionadas, participando na experiencia, tomando fotografías e compartindo o entusiasmo co alumnado.
Desde o inicio, a proposta espertou unha grande expectación. A chegada do equipo coas súas capas, a narrativa de vir “do espazo”, o panel, as luces e os elementos visuais transformaron a aula nunha contorna chea de ilusión. Nestas idades, a estimulación sensorial é chave para captar a atención, e AXIA conecta directamente con esa necesidade.
A sesión comezou coa Estación 1, centrada en identificar como se sentían. Ao principio, expresar as emocións non resultou sinxelo, pero pouco a pouco o grupo foi avanzando ata conseguilo. Algo tan simple —e tan poderoso— como preguntar “Como te sentes hoxe?” tivo un gran impacto nas nenas e nenos.
Na segunda estación, traballouse a empatía a través da mímica. As risas encheron a aula mentres o alumnado aprendía a recoñecer as emocións nos demais, xerando un ambiente de confianza e conexión grupal.
Finalmente, chegou o momento de traballar os acordos de convivencia e de poñer nome á súa nave espacial. Xurdiron debates, opinións diversas propostas, sempre desde a ilusión e o respecto mutuo, pechando a experiencia de forma simbólica e significativa. Aínda que non fose algo buscado de forma intencionada, dificilmente poderiamos ter elixido un mellor centro para comezar AXIA. O CEIP de Tabeaio foi o escenario perfecto para o arranque do proxecto.
Grazas, e mil veces grazas, por abrirnos as portas e permitirnos iniciar esta viaxe xuntas.