Escoller unha única estación para destacar dentro do proxecto AXIA non é sinxelo. As catro funcionan e fano de forma distinta segundo o grupo, a idade e o momento do curso. Así e todo, si hai unha estación que destaca pola súa potencia educativa e pola información tan valiosa que xera, esa é a Estación 1.
Nesta primeira estación, o alumnado traballa o recoñecemento das emocións a través de tarxetas ilustradas con personaxes da temática AXIA que mostran diferentes emocións. A partir delas, identifican que emoción aparece, cando a sentiron e como a viviron. O exercicio vai alén de “poñer nome” a unha emoción: abre a porta a que nenas e nenos compartan experiencias reais do seu día a día.
Cando aparecen emocións como o enfado ou a frustración, a actividade permite ademais falar de como se relaxan, que fan para calmarse ou que estratexias lles axudan, incorporando pequenas técnicas de autorregulación adaptadas á súa idade. Todo isto trabállase de forma natural, sen xuízos e nun clima de confianza.
Esta estación é ouro pedagóxico. Non só polo que aporta ao equipo educativo, senón polo que ocorre no grupo: as ganas que teñen de expresarse, de contar situacións concretas e de sentirse escoitadas e escoitados. A información que xorde neste espazo é profundamente significativa e permite coñecer mellor ao alumnado, as súas preocupacións e a súa maneira de relacionarse coa contorna.
A Estación 1 péchase sempre cunha pregunta sinxela e poderosa: “Como te sentes hoxe?”. Unha a unha, un a un, os nenos e nenas van compartindo a súa emoción, sabendo que a súa voz importa e que alguén a escoita.
Este xesto final convirte a estación nunha práctica con enorme valor para o día a día da aula. Incorporar rutinas como:
• un breve momento emocional ao comezar a xornada,
• espazos para nomear como se senten antes ou despois do recreo,
• ou pequenos peches de grupo onde cada persoa poida expresarse,
Contribúe a crear aulas máis seguras, conscientes e coidadas.
AXIA comeza por aquí porque o bo trato empeza cando nos sentimos escoitadas e escoitados, cando aprendemos a recoñecer o que nos pasa e a expresalo sen medo. E a Estación 1 demostra que, incluso con dinámicas sinxelas, o impacto pode ser profundo.